Glosario.
Tema 2. O relevo
1. Aluvión: Material detrítico arrastrado polos ríos e depositado no curso baixo cando diminúe a velocidade das augas. Esta formado por material moi fino: areas gravas, limos. Dá lugar á formación de depósitos sedimentarios: chairas aluviais, que son potencialmente inundables cando hai augas altas, deltas e conos.
2. Cordilleiras de pregamento: Son un conxunto de montañas producidas por un movemento oroxénico que implica un choque de placas. As cordilleiras de pregamento máis recentes na Península Ibérica son os Pirineos e as Cordilleiras Béticas producidas polo achegamento da placa euroasiática e a africana. Ante este empurre tectónico os materiais depositados no xeosinclinal, de tipo sedimentario, son pregados dando lugar a unha sucesión de anticlinais e sinclinais
3. Concas sedimentarias: Áreas afundidas do zócolo ou depresións entre cadeas de pregamento que son colmatadas polo material detrítico arrastrado polos ríos. En España temos dúas cuncas sedimentarias de tipo alpino (Ebro e Guadalquivir) e outras que se localizan sobre o macizo Hespérico ( Duero, Tajo, Guadiana)
A paisaxe resultante é unha chaira de pouca altura ou unha superficie de suaves ondulacións onde se localizan formas de relevo tabular: campiñas, páramos e cerros testemuña
4. Foz: Unha forma do relevo frecuente nas áreas kársticas caracterizada por ser un val de paredes verticais, moi estreito, creado pola acción erosiva dun curso fluvial que vai profundizando o seu curso.
5. Macizos Antigos: Son un conxunto de montañas antigas, de cumios redondeados, orixinadas era precámbrica ou primaria, que foron erosionadas e peniplanizadas no Mesozoico e tras a última oroxenia alpina, na era terciaria, experimentaron procesos de rexuvenecemento (relevo apalachense) ou fracturacións, constituíndo o denominado relevo xermánico. O material do que están compostos é duro, cristalino, magmático e metamórfico (lousas, xistos, cuarcitas,..)
6. Meseta: Unha forma do relevo que se caracteriza por superficies planas, ou lixeiramente inclinadas, de grande extensión e elevadas, a máis de 500 m. En España, a Meseta Central é a unidade que organiza o relevo peninsular. Neste caso, a meseta é a forma plana que presenta o antigo Macizo Hespérico, visible na parte occidental, mentres que na parte oriental a forma plana corresponde con material sedimentario de tipo calcario e arxiloso que se superpón sobre o Macizo Hespérico.
7. Ría:Forma do relevo costeiro que se caracteriza por ser un val asulagado polo mar despois dunha variación do nivel mariño. Estruturalmente estamos ante un val tectónico no que se instala un curso fluvial que pasa a ser invadido polo mar despois da última glaciación. Tamén podemos ter unha ría como resultado da erosión diferencial, neste caso as rías adoptan a ter unha menor superficie e unha forma redondeado ou alveolar
8. Tectónica de placas: Teoría que explica a formación do relevo actual como unha consecuencia do movemento das placas nas que se subdivide a codia terrestre. Segundo esta teoría hai placas oceánicas e continentais. Nas dorsais oceánicas prodúcese aportación de material do interior da Terra e unha expansión dos fondos oceánicos, mentres que nas fosas oceánicas ten lugar o movemento de subducción onde chocan dúas placas e nas que unha se introduce por debaixo da outra. Este choque dá lugar á formación de montañas, a fenómenos volcánicos e a movementos sísmicos.
9. Tómbolo: Forma da costa que consiste en unha península que une unha antiga illa ao continente a través dun brazo de area. A existencia de correntes mariñas contrapostas crea unha acumulación de area que acaba por soldar unha illa próxima á costa ao continente.
10. Zócolo: Unha estrutura do relevo moi antigo, de era precámbrica ou primaria, que se corresponde con rochedo cristalino magmático ou metamórfico e que constitúe a base do relevo actual.
Glosario.
Tema 3: A diversidade climática e a vexetación
11.Aridez: Período do ano no que o valor de precipitación está por debaixo do valor dobre das temperaturas de xeito que aparece o déficit hídrico que limita o desenvolvemento da vexetación e xera sequedade. Nos climas mediterráneos os meses que rexistran aridez deixan aos ríos sen auga.
12. Avesedo: A aba dunha montaña que está orientada ao norte (hemisferio norte) e que recibe un menor grao de insolación, mentres que o grao de humidade é maior que na ladeira de solaina. Por conseguinte, o lugar de localización das especies arbóreas está nesta ladeira o que explica o maior grao de especialización forestal.
13. Barlovento: Ladeira da montaña que está exposta aos ventos o que redunda na recepción dunha maior cantidade de precipitación. Nesta aba da montaña ten lugar o efecto Foenh que consiste nun ascenso do aire húmido que ao verse obrigado a subir por chocar co obstáculo montañoso vai arrefriándose e deixando a precipitación.
14. Inversión térmica: Proceso que adoita acontecer en períodos de dominio dun anticiclón térmico invernal. O aire frío que en circunstancias normais localizámolo nas capas altas da troposfera atópase en superficie a ras do solo, por mor da intensa irradiación nocturna, dando orixe a fenómenos de condensación que se traducen en persistentes néboas. Tamén son frecuentes nos fondos de val.
15. Isóbara: Nun mapa do tempo, son as liñas que unen puntos coa mesma presión. Se as isóbaras están moi xuntas indica que o gradente de presión é moi alto polo que o aire circulará a gran velocidade. Pola contra, se as liñas están moi separadas, o gradente de presión é feble o que se traducirá en ausencia de vento, podendo chegar a unha situación de pantano barométrico.
16. Isohieta: Nun mapa do temático sobre a distribución das precipitacións, son as liñas que unen puntos coa mesma cantidade de precipitación.
17. Laurisilva: Recibe este nome o bosque subtropical húmido formado por loureiros que podemos localizar coa vexetación macaronésica, na parte norte das illas Canarias onde o choque do alisio do NE xera unha atmósfera húmida, ideal para a reclusión desta especie reliquia dun clima anterior.
18. Landa: Matogueira típica dos solos da España atlántica onde son frecuentes as especies da familia eriácea ( uceiras, breixos) e das leguminosas ( xestas, piornos...). Aparecen como consecuencia da degradación do bosque climax pola acción antrópica.
19. Maquis: Formacións arbustivas propias do clima mediterráneo que aparecen sobre solos silíceos e que crean unha matogueira túpida.Componse de especies aromáticas, eriáceas e enebros. Aparece como consecuencia da degradación dos solos pola acción antrópica tras a corta abusiva dos aciñais.
20. Vexetación antrópica: Especies que son introducidas polo ser humano con fins de explotación forestal para producir madeira ou para a produción de pasta de papel.Neste caso son cultivos forestais como no caso dos eucaliptos ou moitas especies de piñeiros.
21. Vexetación climax: Son aquelas especies que se adaptan perfectamente ás condicións climáticas e edafolóxicas dun lugar.
Glosario.
Tema 4: A hidrografía
22. Cunca fluvial: Área drenada polo río principal e os seus afluentes que queda comprendida entre dúas aliñacións montañosas que actúan como divisorias de augas.
23. Estiaxe: Momento do ano onde o río leva o caudal mínimo. No caso dos ríos peninsulares o estiaxe ten lugar no verán, momento onde as precipitacións son mínimas.Os ríos de réxime pluvial mediterráneo e subtropical, no período de estiaxe presentan un leito seco, o que en Cataluña se denominan ramblas.
24. Marisma: Terreo lixeiramente deprimido respecto ao nivel do mar e pantanoso afectado pola subida e baixada das mareas. As marismas poden estar situadas nunha zona de esteiro dando lugar a un espazo lacustre afectado polos aportes fluviais e a acción do mar onde se dan especies adaptadas a períodos de inundación e de seca.
Glosario.
Tema 5: As paisaxes naturais e as relacións entre o ser humano e a natureza
25. Efecto invernadoiro: Aumento da temperatura global producida pola acumulación de gases derivados da combustión de enerxías fósiles e da actividade agrogandeira que crean unha campá que impide a irradiación das emisións infravermellas quedando atrapado a calor do sol. Consecuencia do efecto invernadoiro é o cambio climático.
26. Paisaxe: Calquera parte do territorio, tal como a percibe a poboación, resultante da interactuación de elementos bióticos, abióticos e antrópicos. A paisaxe constitúe o obxecto de estudo da xeografía por ser o escenario da interrelación dos elementos naturais e a acción humana. Podemos distinguir paisaxes naturais e paisaxes humanizados.
Glosario:
Tema 6: A poboación española
27. Poboación activa: É aquela que está comprendida entre os 16 e os 65 anos que está ocupada ou en paro. Quedan excluídos dentro deste sector de idade aquelas persoas que son estudantes, amas de casa, pensionistas por razóns de invalidez, os discapacitados e os rendistas. Esta taxa en España medrou coa incorporación da muller ao mundo laboral e a chegada dos inmigrantes entre mediados da década dos 90 e o 2008.
28. Esperanza de vida: Son os anos que se espera que viva unha persoa nacida nun país de acordo co sistema médico sanitario existente no momento de nacer. No caso español esta taxa foi incrementándose ao longo do s. XX dende os 35 anos ata chegar á actualidade onde temos unha das taxas máis altas do mundo: 83 anos ( 85 anos para as mulleres e 80 para os homes). O estilo de vida, o modelo alimentario e o estado do sistema sanitario explican estas taxas tan altas.
29. Réxime demográfico: Son as características do movemento natural que presenta unha poboación nun momento determinado. Este termo está relacionado coa teoría da Transición demográfica que explica que un país pasa por diversas fases demográficas ou rexímenesde forma paralela ás transformacións económicas que atravesa: antigo, de transición e moderno ou maduro. No caso de España, está inmerso no réxime demográfico moderno cunha estrutura avellentada polo aumento daesperanza de vida e a redución da fecundidade.
30. Censo de poboación: Sistema de reconto da poboación que, no caso español, nace en 1857 e que permite extraer datos de tipo demográfico e de tipo socio-económico dunha poboación ( efectivos demográficos clasificados por sexo, idade, lugar de nacemento, estado civil, nivel de instrución, vivenda, datos económicos...), . Realízanse por parte do Estado, a través do Instituto Nacional de Estatística, cada 10 anos ao inicio de cada década.
31. Crecemento vexetativo: É o resultado de poñer en relación o número de nacidos menos o número de falecidos nun país ao longo dun ano. No momento actual en España este crecemento é negativo por posuir unha taxa de natalidade moi reducida e presentar unha taxa de mortalidade incrementada como consecuencia do aumento do número de persoas vellas a consecuencia do avellentamento tras a redución da fecundidade nos últimos 40 anos.
32. Taxa de fecundidade: Pon en relación o número de nacidos entre o número de mulleres en idade fértil (15-49 anos)nun país ao longo dun ano. Desta taxa, analizada en cohortes de mulleres fértiles, deriva a taxa de reemprazo xeracional que en España está moi por debaixo de 2'05 que é a cifra que permitiría unha renovación demográfica.
33. Padrón municipal: Sistema de contabilización das altas e baixas da poboación dun municipio o que permite cuantificar os nacementos, as defuncións, as chegadas e saídas de veciños residentes co que se pode averiguar o saldo do crecemento real do municipio. Está realizada polos concellos anualmente e ademais dos datos demográficos tamén recolle algunhas cuestións de tipo socioeconómico.
Glosario:
Tema 7: O sector primario
34. Acuicultura:Actividade produtiva adicada á cría de vexetais ou animais acuáticos, mariños ou de auga doce que, mediante algún tipo de intervención no seu ciclo biolóxico permite controlar a súa reprodución e crecemento. Hai dous tipos: a acuicultura intensiva (piscifactorías) e a acuiucultura extensiva ( bateas de mexillóns)
35. Agricultura ecolóxica: É un sistema de producción agraria que mantén a fertilidade do sol o a través do emprego de practicas agrícolas que evitan os productos da agroindustria (sementes modificadas xeneticamente, fertilizantes químicos ou praguicidas). Para recibir o certificado de produción ecolóxica deben empregarse técnicas de policultivo como sistema natural de protección contra as pragas e un uso extensivo da terra que evite o seu esgotamento e garanta a sustentabilidade ambiental.
36. Denominación de orixe: É a que distingue os produtos agroalimentarios que ofrecen unha calidade adicional por cumprir normas superiores ás obrigatorias de calidade estándar. Esa etiqueta indica unha produción que se axusta a unha localización xeográfica, pero tamén pode estar diferenciando o emprego duns métodos determinados na elaboración de acordo cuns coñecementos ancestrais que elevan a súa calidade. Moitas veces o emprego de técnicas artesanais ou tradicionais indican un maior respecto do medio ambiente para a súa obtención.
37. Desagrarización: É o proceso que consiste na paulatina perda da importancia económica do sector primario no PIB e o emprego dun país. A industrialización e posteriormente a terciarización da economía producen unha desvinculación dos habitantes das zonas rurais respecto da agricultura, a gandería e a explotación forestal en favor de actividades do secundario e terciario o que dá lugar a unha transformación dos lugares de traballo, das vivendas e dos valores sociais.
38. Explotación intensiva: É un sistema de produción agrario ou gandeiro localizado sobre unha superficie moi limitada de terreo, que despois de utilizar métodos modernos de produción e unha gran inversión de capital e traballo en abonos e maquinaria, eleva o rendemento por hectárea e posibilita máis dunha colleita anual.
39. Política Pesqueira común (PPC): Programa da Unión Europea encamiñado a garantir o abastecemento de peixe en boas condicions e de calidade a través dunha pesca sustentable sen mermar o desenvolvemento económico das poboacions do litoral. Para lograr eses obxectivos establece cotas de capturas aos estados membros para limitar ás extraccións das especies comercializables máis ameazadas de xeito que se manteña a competitividade sen deteriorar os ecosistemas mariños. Eses obxectivos foron determinados na última modificiación da PPC que tivo lugar en 2013.
40. Silvicultura: Actividade produtiva que ten por obxecto o cultivo, a conservación e o aproveitamento dos montes. O seu principal cometido é a explotación de madeira, aínda que tamén actúa sobre a protección e a rexeneración dos montes e os seus solos, sobre a prevención de incendios e pragas e sobre o desenvolvemento dos variados usos que nos pode ofrecer o monte.
Glosario.
Tema 8: O sector industrial e da enerxía
41. Enerxías renovables: As enerxías renovables son as que procedendo de recursos naturais inesgotables (sol, vento, auga, calor da terra,a forza do mar) producen unha enerxía limpa, cun elevado grao de autonomía na súa localización, o que permite o autoabastecemento e unha dispersión de localización, que contrarresta os impactos negativos a nivel medioambiental das enerxías convencionais. Por esta razón tamén reciben o nome de enerxías alternativas.
42. Fondos estruturais: Son partidas monetarias da UE destinadas a promover o desenvolvemento das rexións da UE máis atrasadas, con problemas de declive industrial e paro, apoiar a reconversión económica e social das zonas con deficiencias estruturais e impulsar a modernización dos sistemas educativos e de emprego. Son cinco fondos: FEDER(Desenvolvemento rexional), FSE (Fondo social europeo), FC (Fondos de cohesión), FEADER ( Desenvolvemento rural), FEMP ( Marítimo pesqueiro)
43. Industrias verdes: Son aquelas industrias relacionadas coa produción de tecnoloxías limpas para a industria ou o sector enerxético, que se relacionan coa mellora do medioambiente (plantas de reciclaxe)pero tamén engloba a todas aquelas empresas que reestruturaron os procesos de producción co obxectivo de ser máis eficientes no consumo de enerxía e causar o menor impacto posible no medioambiente reducindo a polución e os refugallos.
44. Materias primas estratéxicas: Son aqueles recursos naturais considerados de vital importancia para a produción e a riqueza dos países e clave nas decisións políticas polo seu papel estratéxico na economía das potencias. Xeralmente están relacionadas co sector enerxético convencional como o petróleo ou carbón, pero na actualidade, considéranse estratéxicas as materias primas imprescindibles para a industria de novas tecnoloxías, por exemplo o coltán.
45. Parques tecnolóxicos: Son espazos planificados, de gran calidade ambiental e urbanística, situados na periferia das grandes cidades e cidades medias que albergan empresas industriais innovadoras, de alta tecnoloxía, onde se estimula un fluxo de coñecemento e colaboración entre instituciones de investigación, empresas e mercados e onde se prestan servizos de asesoramento e viabilidade a novos proxectos empresariais. Están promovidos por institucións públicas e privadas e exercen de atracción para iniciativas relacionadas co desenvolvemento local.
46. Subcontratación: tipo de relación económica pola que o titular dun contrato principal cede a un terceiro, o subcontratista, a prestación dunha actividade económica. Frecuente nas grandes obras, podemos consideralo como un mecanismo de descentralización da produción dun ben, característica da industrial actual, co obxectivo de reducir custos.
Glosario.
Tema 9: O sector servizos
47. A balanza comercial: Forma parte da balanza por conta corrente integrada a súa vez na Balanza de Pagamentos. Estamos a falar do rexistro do valor das exportacións de bens menos as importacións nun país durante un período de tempo determinado. Se a balanza é positiva dicimos que hai un superávit e se é negativa hai un déficit.No caso de España, foi tradicionalente deficitaria en case todos os sectores, agás en alimentación e automóbil, aínda que este déficit diminúe na actualidade pola substitución de produtos importados por outros fabricados en España e, sobre todo, o descenso do déficit enerxético.
48. Economía somerxida: é o volume total de diñeiro negro que circula nun país, é dicir, o conxunto de actividades económicas non declaradas ás autoridades fiscais ou monetarias e que escapan ás estatísticas oficiais e ao pago dos correspondentes tributos. Tamén podemos denominala como economía informal.
49. Ecoturismo: é unha modalidade recente de turismo enfocado ao goce da natureza, en territorios pouco transformados pola acción do ser humano, centrándose en educar ao visitante na procura de preservar o equilibrio do medio ambente. Compaxina a actividade turística cun conxunto de principios éticos centrados nun impacto ambiental mínimo e o uso consciente dos recursos naturais. Aparece moi vencellado a unha oferta de lecer relacionado coa Rede de Parques Nacionais de España e os Espazos Naturais Protexidos polas Comunidades Autónomas.
50. Franquía: é un sistema polo que unha empresa de recoñecido prestixio cede a outra os dereitos de explotación dos seus produtos a cambio dun pagamento por beneficiarse da imaxe de marca, ademáis de aceptar unhas condicións determinadas para o desenvolvemento da súa actividade que implica o despregue duns estándares de calidade na prestación do servizo.
51. Taxas aeroportuarias: conxunto de pagos que realizan os viaxeiros e as mercadorías do transporte aéreo polo uso das instalacións e os servizos dos aeroportos.
Glosario. Tema 10. O espazo urbano
52. Área metropolitana: Falamos dunha aglomeración urbana formada por unha cidade principal rodeada por unha serie de municipios cos que mantén importantes relacións socioeconómicas, que poden funcionar como cidades dormitorio, industriais, comerciais e de servizos subordinadas á cidade central. En España considéranse estas aglomeracións como metropolitanas cando a cidade central teña polo menos 250.000 habitantes.
53. Área suburbana: Barrio situado na periferia da cidade creado na etapa da expansión industrial como consecuencia da necesidade de satisfacer de vivenda á poboación recén chegada do éxodo rural. O solo ao ser menos custoso é o lugar de residencia destes novos traballadores. En orixe estas zonas adoitaban carecer das comodidades e calidades das zonas residenciais burguesas. Hoxe en día, a través de operacións de renovación dos inmobles comezan ter outra valoración.
54. Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU).‐ Instrumento de ordenación e planificación integral do solo urbano consolidado e o territorio potencialmente urbanizable nun futuro. Contén a clasificación do solo, a definición dos elementos estruturadores do territorio (espazos libres, de equipamento comunitario, os sistemas xerais de comunicación, etc.), desenvolvemento, execución e vixencia do plan. Tamén se coñece co nome de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) na medida en que o ámbito de actuación é municipal.
55. Xentrificación: Proceso de transformación urbana no que a poboación residente
dun barrio degradado e pauperado do centro histórico da cidade é progresivamente
desprazada pola posta en marcha dun plan de revalorización e rehabilitación de forma que pasa a ser substituida por outra con moito maior poder adquisitivo. O termo é un neoloxismo que procede do inglés "gentrification".
Glosario. Tema 11. A organización territorial de España
56. Parroquia: División territorial eclesiástica que está organizada por un sacerdote. En Galicia esta división de límites baseados en accidentes xeográficos naturais (ríos, outeiros) demostrou ter unha perfecta adaptación á fragmentación do territorio e á dispersión das entidades de poboación polo que o grao de identificación da poboación coa súa parroquia é moi alta. Tanto é así que os distritos electorais no rural galego seguen os límites parroquiais.
57. Municipio: Unidade territorial- administrativa máis básica recoñecida pola Constitución de 1978. Está organizado por un concello dirixido por un alcalde e unha corporación elixidos democraticamente. De orixe castelán, onde o poboamento está concentrado, esta división territorial de tipo política non consegue adaptarse á realidade de Galicia onde o nome do municipio coincide co núcleo de poboación máis grande, pero que está lonxe de reunir a maior parte da poboación do concello, razón polo que a poboación segue a demostrar máis apego á parroquia que non ao municipio.
58. Provincia: División territorial que engloba a varios municipios que xurde en 1833 coa organización político administrativa creada por Javier de Burgos. Para determinar as fronteiras e os tamaños provinciais seguíronse criterios de tipo histórico, xeográfico, a cantidade de poboación e a distancia coa capital provincial. Foi produto dunha mentalidade e un tempo que buscaba mellorar a eficacia administrativa dun Estado centralista. España conta con 50 provincias.
59. Comunidade autónoma: División político administrativa do territorio que engloba a varias provincias que aparece coa Constitución de 1978, se ben esta figura xa aparece recollida na Constitución de 1931. De feito hai tres nacionalidades históricas ( Galicia, País Vasco e Cataluña) que accederon á autonomía pola vía rápida do artigo 151, mentres que o resto das CCAA ata as 17 que configuran o Estado descentralizado español fixéronno polo artigo 143. Cada CCAA está dotada dun goberno, parlamento e tribunais de xustiza propios.
60. Estatuto de autonomía: Lei fundamental de autogoberno para cada un dos territorios que reclamaron a súa autonomía dentro do Estado español, segundo a posibilidade establecida pola Constitución española de 1978. Recolle o funcionamento do entramado institucional autonómico, as súas competencias, a delimitación territorial, o réxime lingüístico e denominación da comunidade.
Glosario. Tema 12. España no mundo
61. Movementos antiglobalización: Organizacións sociais e políticas, ONGs, que critican a globalización como un proceso de consolidación do neolibrealismo, a precariedade laboral e o neocolonialismo, o comercio internacional inxusto e a falta de sustentabilidade do modelo de produción capitalista. Estas correntes sociais falan que outro mundo é posible e se reúnen en torno ao Foro Social Mundial para explicar as súas alternativas
62. Obxectivos de desenvolvemento sustentable: Son 17 obxectivos de desenvolvemento humano programados pola ONU para atallar unha serie de problemas mundiais: a pobreza, a desigualdade económica, o cambio climático e a degradación ambiental, igualdade de xénero, un modelo urbano sustentable, produción e consumo sustentables, o progreso na educación, a paz e a xustiza. Este programa, que comezou no ano 2015 e finaliza no 2030, preséntase como unha oportunidade para que os países emprendan un novo camiño co que mellorar a vida da cidadanía, en especial, naqueles lugares onde estes problemas son máis acuciantes.