Bloque 3: España: a ordenación do territorio no enfoque ecosocial
Esquema
3.1.A poboación española: análise da súa estrutura e desequilibrios
3.2.Os espazos urbanos en España: as grandes concentracións urbanas nun contexto europeo e mundial
Prácticos
- Uso de mapas, gráficos, textos sobre o avellentamento, densidade de poboación, saldo vexetativo, e as problemáticas migratoria e da España baleirada.
- Planos urbanos e/ou fotografías e fotografías aéreas con contraste entre cascos históricos e ensanches, entre centro histórico e área metropolitana. Análise de paisaxes urbanas. Gráficos de evolución urbana de distintas cidades españolas, segundo o modelo de @dr_xeo (ex.).
- Mapas de macrocefalia urbana, seguindo o modelo de Atlas Geográfico Nacional. Mapas coa delimitación das áreas de inflluencia, segundo a variable de residencia-traballo, e/ou mapas sobre o sistema de cidades español.
35.Poboación activa
36.Esperanza de vida
37.Réxime demográfico
38.Crecemento vexetativo
39.Padrón municipal de habitantes
40.Saldo migratorio
41. Inverno demográfico
42.Área metropolitana
43.PXOM
44.Xentrificación
45.Cidade difusa
46.Cidade de 15 minutos
6.1 Dinámica da poboación
As fontes demográficas en España
As fontes demográficas son :
- O censo.
- O padrón municipal.
- O Rexistro Civil
Censos de poboación: Realízanse cada dez anos. É o reconto dos efectivos máis fiable. Recolle non só datos demográficos senón tamén variables socio- económicas (nivel de instrucción, lingua falada, vivenda, ingresos...). É o estudo máis completo sobre a poboación.
Padrón Municipal: É o rexistro de veciños dun concello. Actualizase anualmente cada 1 de xaneiro. Recolle as altas e baixas dos veciños tanto en movemento natural como en movemento de residencia. Recolle datos demográficos, económicos e sociais moi básicos e en menor número que o censo.
Rexistro civil: Recolle os matrimonios, nacementos e as defuncións. Serve para obter os datos de crecemento vexetativo da poboación.
Os datos estatísticos son a fonte fundamental para os estudos da poboación e poder facer proxeccións de futuro. Publicacións como os anuarios estatísticos do INE ou do IGE, as enquisas periódicas que aportan datos en temas de constante control como as variacións no mercado laboral, a Enquisa de Poboación Activa (EPA) son claves para orientar as decisións políticas e elaborar estratexias para solventar problemas demográficos a medio e longo prazo.
Na actualidade española a demografía é unha cuestión de atención preferente polos problemas detectados: a baixa fecundidade e o avellentamento da sociedade española que limitará a viabilidade da actual política de pensións, a desigual distribución da poboación que enfronta dúas realidades moi contrastadas que son a España vaciada e a concentración da poboación en áreas metropolitanas da costa mediterránea e Madrid, o problema da chegada de irregulares ás nosas costas e a necesidade dunha política de integración ou as dificultades de inserción no mundo laboral da mocidade, o paro de longa duración ou a precariedade laboral.
Principais datos demográficos actuais
A poboación absoluta española, a 1 de xaneiro de 2018: 46,7 persoas, segundo datos publicados polo INE.
A densidade de poboación ou poboación relativa é de 92'5 hb/km2.
A taxa de natalidade en 2018 foi de 7' 94 por mil, moi baixa.
A fecundidade española é unha das máis baixas do mundo. En España o número de fillos por muller estivo moi por debaixo da taxa de reposición (2,05 fillos por muler) desde 1981 ata agora e non é previsible un repunte
sostido do mesmo. O dato actual é de 1'26 fillos por muller. As razóns hai que buscalas na precariedade laboral e na temporalidade que impide a estabilidade necesaria para a formar unha famillia. Por outro lado, ainda que progresivamente se avance na vía da conciliación da vida laboral e familiar, os traballos domésticos seguen recaendo en grande parte sobre as mulleres. A súa inserción laboral está na causa fundamental da caída da fecundidade dende mediados dos setenta.
A mortalidade infantil, desde fai años está situada en niveis moi baixos. En 1976 a taxa de mortalidade infantil en España foi de 17,1 por mil. En 2017 foi de 2,7 por 1.000, un descenso máis que notable.
A taxa de mortalidade xeral é de 9'1 por mil. Unha taxa baixa que aumentou lixeiramente por mor do avellentamento da poboación.
A esperanza de vida é unha das máis altas do mundo
Nos últimos 100 anos a expectativa de vida en España incrementouse en 40 anos. Hoxe sitúase en 83 anos. En 1910, en España, de 100 nacidos só 33 chegaban ao inicio do umbral da vellez. En 2018, os que chegaron ao inicio deste umbral foron o 91 por 100. Un eficiente sistema sanitario e de atención hospitalaria e unhas condicións de vida saudables están detrás deste avance tan espectacular.
Esta situación determina a necesidade de xestionar como sociedade o crecemento do número de persoas de máis de 65 anos porque o aumentará o gasto sanitario, as pensións, as situacións de dependencia e, en especial, as persoas maiores en soedade non desexada. Dentro de tres lustros, un de cada catro españois terá 65 anos ou máis.
O crecemento natural español é negativo. Este descenso queda amortiguado pola chegada dos inmigrantes. A 30 de xuño de 2018 había en España 5. 331.774 estranxeiros con certificado de rexistro ou con tarxeta de residencia. A migración de reemprazo e o crecemento vexetativo positivo da poboación estranxeira contrarrestan a
crise demográfica autóctona.
6.2 O movemento natural da poboación española
O Réxime demográfico antigo
O movemento natural é a variación da poboación dun lugar a través da diferenza entre os nacidos e as defuncións ao longo dun ano. A evolución do movemento natural en España pasou por diferentes etapas de forma que o país pasou de altas taxas de natalidade e mortalidade (réxime demográfico antigo) a ambas taxas en valores baixos (réxime demográfico moderno). Podemos dicir que nesa evolución, España fai a súa transición demográfica ao longo do século XX e faino máis tardiamente que noutros países europeos.
O Réxime demográfico antigo: ata principios do s.XX
Altas taxas de natalidade e mortalidade que determinan un crecemento vexetativo lento.
Predominio dunha sociedade rural, que practicaba unha economía agraria de subsistencia, con baixos rendementos e valoraba o feito de ter fillos como man de obra.
Non existía a planificación familiar, nin métodos de control da natalidade. Nas épocas de crise producíase un retraso na idade de contraer matrimonio.
A mortalidade era alta polas precarias condicións médicas e hixiénicas. A dieta alimentaria pouco equilibrada por falta de proteínas, mala nutrición. As enfermidades contaxiosas ( tuberculose, bronquite, gripe) causaban alta mortandade con episodios de mortandade catastrófica (fame por malas colleitas, guerras, epidemias) como aconteceu coa epidemia de gripe no ano 1918. A mortalidade infantil era elevada por problemas nos partos, por mala nutirción ou por infeccións.
A esperanza de vida era baixa, en 1900, non superaba os 35 anos.
O Réxime demográfico en transición
A transición demográfica:1900-1975
España encetou este período máis tarde que noutros países europeos, pero transcurre por ela dun modo moi intenso.
A mortalidade descende rapidamente ata valores baixos mentres a natalidade, sendo alta, comeza un proceso de suave descenso, alternando con momentos de aumento (baby boom dos anos sesenta), pero con tendencia xeral a unha diminución constante.
Como consecuencia neste período tan amplo de tempo a poboación experimentou un crecemento natural elevado.
Analizando ambas taxas, podemos ver como hai momentos de decrecemento na natalidade : Crise económica dos anos 30 e crise da Segunda República, a Guerra Civil e a posguerra e o final do período de desarrollismo. e outros momentos de recuperación das taxas de natalidade: Os anos 20, e sobre todo o Baby Boom dos anos sesenta.
A mortalidade xeral descendeu de forma constante salvo na gripe de 1918 e na Guerra Civil.
Os avances médico- sanitarios (vacinación da poboación e uso de antibióticos), a xeralización do nacemento en clínicas, a extensión da Seguridade Social, así como a mellora na hixiene.
Mellora o nivel de vida e, sobre todo, da dieta na década dos 60. O incremento do nivel educativo e cultural contribuiu a intensificala a prevención. A mortalidade infantil tamén descendeu gracias a mellora na nutrición infantil.
Como consecuencia a esperanza de vida aumentou considerablemente, chegando ao final do período ata os 75 anos.
O crecemento vexetativo foi moi alto
Réxime demográfico moderno
O réxime demográfico actual. A partires do 1975
Caracterízase por un crecemento vexetativo moi baixo. Taxas de natalidade e mortalidade baixas, se ben, aparece unha tendencia a incrementarse a taxa de mortalidade como consecuencia do estancamento demográfico e do avellentamento da poboación.
A natalidade afundiuse neste período ata o punto que España é o país que, en 2018, ten a taxa de natalidade máis baixa 7'9 por mil. O índice sintético de fillos por muller 1'26. As causas hai que buscalas nun troco de mentalidade, nas dificultades para conseguir unha maior estabilidade dada a precariedade laboral e o elevado prezo da vivenda. Houbo un retraso na idade de concebir os fillos. Mulleres de 30-35 son o grupo que ten máis fillos. A muller incorporouse ao mundo laboral, un control da procreación, unha preponderancia das relacións de parella, menos prolíficas, un mal reparto das tarefas domésticas (a maioría destas segue sendo desempeñada pola muller), a precariedade laboral que introduce relacións pouco estables inflúen na caída tan brusca da natalidade. Houbo tamén un cambio na valoración dos fillos , unha prolongación da etapa de formación profesional así como un maior desexo de disfrutar dos bens materiais explican tamén esta caída.
Nesta caída da natalidade hai tamén oscilacións de tipo coxuntural que cómpre sinalar: Unha caída brusca dende 1975 ata 1998 motivada polas razóns antes sinaladas. Unha lixeira recuperación entre 1998 e 2008 vencellada ao período de prosperidade económica deses anos e á chegada masiva de inmigrantes. Dende 2008 ata hoxe, coa chegada da crise económica mundial, que pon fin a unha economía baseada no ladrillo en España, as taxas entran de novo nunha caída constante, chegando aos valores de 1998.
A taxa de mortalidade xeral manténse en cifras baixas 9'1por mil, se ben dende os anos 80 hai unha lixeira tendencia ao seu incremento por mor do aumento do avellentamento. As causas da mortalidade no momento actual son : cancro, accidentes de coche, corazón. Son motivos relacionados co estilo de vida e o aumento da esperanza de vida. Directamente vinculado á prolongación da vida e o incremento do número de persoas vellas está o aumento das enfermidades relacionadas coa demencia senil o que aumenta as situacións de dependencia.
A mortalidade infantil é moi baixa: 2'7 por mil en 2017
A esperanza de vida é das máis altas do mundo: 80 anos para os homes e 85 para as mulleres, sendo así pola maior fortaleza biolóxica das mulleres e polo estilo de vida dos homes, se ben, a tendencia é a que ambos valores se reduzan entre si pola similitude de estilos de vida do home e a muller. A esperanza de vida tamén é máis alta naquelas profesións máis cualificadas fronte ás que teñen máis riscos laborais e máis desgaste físico.
O resultado é un crecemento natural reducido que na actualidade é negativo.
A desequilibrio teritorial na distribución do crecemento vexetativo.
Dentro de que o país, como vimos anteriormente, ten unhas taxas de natalidade e mortalidade baixas, cun crecemento natural que na actualidade é negativo, un estudo máis pormenorizado por comunidades autónomas nos permite ver diferenzas significativas en canto ao comportamento do crecemento vexetativo con rexións que teñen crecementos moi reducidos, pero positivos, fronte a outras que teñen un panorama demográfico máis sombrío:
- Comunidades cun crecemento vexetativo superior á media española: As áreas máis dinámicas dende o punto de vista económico (servizos especializados, unha agricultura de mercado próspera, turismo, áreas tecnoloxicamente máis avanzadas), que presentan as mellores expectativas laborais, que atraen poboación en idade de procrear doutras rexións españolas e son receptoras de inmigrantes (Cataluña, Madrid, Valencia, Navarra). Xunto a estas rexións están as que tradicionalmente foron sempre máis prolíficas en fecundidade: A España do sur e a mediterránea (As illas Baleares, Andalucía, Murcia, Castela A Mancha) e logo os casos particulares de Ceuta e Melilla que presentan un comportamento diferente ao resto con taxas moito máis altas de natalidade e taxas moi baixas de mortalidade o que fala dunha estrutura demográfica en proceso de transición e avellentamento, pero notablemente distinta ao resto das CCAA. No momento actual tan só presentan un crecemento positivo as comunidades de Baleares, Madrid, Murcia e as comentadas Ceuta e Melilla.
- Comunidades por debaixo da media española que presentan valores negativos de crecemento natural preocupantes: Asturias, Galicia, Castela- León, Cantabria, Aragón. Nestas comunidades os valores de fecundidade e natalidade son moi pobres, mentres que a súa estrutura demográfica avellentada dá como resultado unhas taxas de mortalidade de tipo medio, moi por riba da media española. Son comunidades que padeceron un fenómeno migratorio desfavorable no pasado coa consecuente perda de vitalidade demográfica ao ser a mocidade a que migra e procrea noutras rexións, que teñen un perfil agrogandeiro cheo de dificultades de viabilidade polo que padeceron un éxodo rural acusado, de xeito que o abandono do rural é moi patente no seu territorio. Ao lado destes problemas hai que sumar tamén unha difícil saída e alternativas válidas para a súa especialización na extracción mineira e industria pesada ligada a esa minería. A desindustrialización está baleirando comarcas que dependían en exclusiva desas fontes de ingreso. Nesa situación están as comunidades da cornisa cantábrica.
6.3 A mobilidade espacial da poboación e debate sobre a inmigración
As migracións interiores
Os movementos migratorios son os desprazamentos da poboación no espazo. Denominamos emigrante ao que sae dun lugar para ir a outro por razóns económicas ou sociais. Inmigrante é o que chega a un lugar. O saldo migratorio é o resultado de restar o número de inmigrantes respecto do número de emigrantes nun lugar nun tempo determinado.
A tipoloxía dos movementos migratorios atendendo ao criterio espacial divide este fenómeno en migracións interiores, se teñen lugar dentro dun país, e migracións exteriores se producen desprazamentos fóra das fronteiras dun país.
As migracións interiores:
1. As migracións estacionais ou temporais: Tiveron como protagonista á poboación campesiña que se despraza a outras áreas rurais para a vendima, sega, etc nunha etapa onde a mecanización era inexistente ( finais do s.XIX e os anos 60 ). Tamén no mesmo período rexístrase un movemento de poboación rural que se despraza ás cidades para realizar traballos temporais no sector da construcción.
2. O éxodo rural: Son os desprazamentos da poboación do campo ás cidades industriais con carácter de longa duración ou definitivo. Teñen lugar entre o 1900 e 1975. Afectou a Galicia, Andalucía, onde había un problema de superpoboación do rural, e o interior peninsular. Estas áreas envían o seu excedente demográfico ás áreas industriais de Cataluña, Madrid ou o País Vasco necesitadas de man de obra barata. Máis recentemente ás áreas turísticas do Levante, Baleares ou Canarias son as que rexistran saldos migratorios positivos.
A mecanización dos labores agrícolas, o desexo dun traballo con ingresos máis altos, o atractivo da dotación de servizos educativos, sanitarios, de lecer das cidades, de maior anonimato son as razóns deste desprazamento. O período de máximo movemento migratorio ten lugar entre finais dos 50 e 1975. Antes, nas décadas dos anos 30 e 40, a Guerra Civil e a dura posguerra provocaron un freo no éxodo rural, producíndose incluso un movemento á inversa cun retorno ao ámbito rural motivado polas difíciles condicións de vida nas cidades.
Dende o ano 1975 o éxodo rural decaeu e mudou o comportamento migratorio. As áreas tradicionalmente de emigración incluso invertiron a súa tendencia co retorno de xubilados emigrados no seu día. Ademais o desenvolvemento dunha política autonómica favoreceu a creación de emprego local a través da estratexia de crecemento endóxeno. Agora cobran máis importancia os movementos intrarrexionais e intraprovinciais. Son movementos de curta distancia, pluridireccionais e máis temporais.
Na actualidade, a crise económica acentuou o desequilibrio entre unha España vaciada ( o mundo rural) e a España máis dinámica, concentrada nas áreas metropolitanas.
Outro tipo de migracións interiores que se veñen dando dende 1975 son os seguintes:
3. Migracións residenciais. Movementos intraurbanos entre as cidades centrais e os núcleos de poboación que hai na súa coroa metropolitana. Estes movementos están ligados ao abaratamento no custo dos transportes e na busca do prezo de solo máis asequible para o poder adquisitivo da mocidade, así como tamén un desexo de vivir en entornos de certa cualidade ambiental. Estes movementos centro- periferia, entre o lugar de residencia e o lugar de traballo situado na cidade central xera a diario o que coñecemos polo nome de movementos pendulares ou commuters. Finalmente, comentar que o lecer tamén pode provocar os movementos de fin de semana.
4. Migracións interurbanas e interrexionais entre as cidades da comunidade autónoma. A creación de centros de actividade rexional serve de atractivo á poboación rural dos arredores ou das cidades que padeceron dun modo moi cruento o proceso de desindustrialización . Neste sentido os grandes centros de actividade terciaria exercen un forte atractivo para os traballadores cualificados. Os municipios medianos gañaron poboación fronte aos grandes municipios pola difusión das actividades económicas aos municipios da coroa metropolitana. Moitos deses movementos non teñen os motivos laborais como factor esencial. Cobran máis importancia a necesidade dunha formación universitaria e os empregos en relación con eses estudos polo que podemos dicir que unha parte importante dos migrantes son mozos e mozas
5. Migracións de retorno rural: Protagonizadas por antigos emigrantes xubilados. Este retorno agrava o avellentamento das zonas que tradicionalmente eran expulsoras de poboación obrigando a un maior investimento en servicios sociais para a terceira idade. As veces estes emigrados retornados impulsan actividades de turismo rural ou unha agricultura especializada. Hai que salientar a corrente neorrural protagonizada por persoas que abandonan a cidade polo entorno rural.
Consecuencias nas chamadas migracións interiores:
- A distribución da poboación favorable á periferia fronte o baleirado interior, salvo Madrid, Valladolid e Zaragoza.
- Avellentamento da pobaoción das áreas de emisión e un rexuvenecemento das áreas de recepción.
- Deseconomía por subpoboación nas áreas de emisión con abandono de terras e ecosistemas .Deseconomía por conxestión nas áreas de recepción, solo máis caro, problemas de contaminación, tráfico, etc.
- Problemas de asimilación polo troco de valores dunha sociedade tradicional a unha máis competitiva
As migracións exteriores
España foi durante moitos anos un país emisor de poboación ao estranxeiro. Este desprazamento espacial ten lugar dende o último tercio do s. XIX e 1975.
1. A emigración transoceánica: O lugar de destino fundamentalmente era América Latina e en menor medida USA, Canadá e Australia. Dende 1882 ata 1935, calcúlase que arredor de 3 millóns de españois embarcaron rumbo a América.
Ten lugar en dúas etapas:
A primeira ocurre entre o último tercio do s. XIX e a 1ª Guerra Mundial. Os países latinoamericanos inciaron unha política de atracción de poboación, necesaria para explotar os seus recursos. Os destinos preferidos polos emigrantes galegos, asturianos e canarios era Argentina, Cuba, Brasil, México e Uruguay. Os lugares de emigración caracterizábanse pola pobreza e pola superpoboación. Emigraban homes xóvenes , campesiños e de baixa cualificación.
Este movemento decaeu durante as dúas guerras mundiais e a crise dos anos trinta.
A segunda etapa ten lugar entre os anos 50 e 60. Os galegos e os canarios seguían a ser os principais emigrantes españois a estes países. Os destinos preferidos nesta segunda etapa son : Arxentina, Brasil e Venezuela, esta última polo petróleo.O perfil do emigrante requería agora unha certa cualificaión.
Dende os sesenta este destino deixou de ser atractivo ao entrar en competencia coa emigración a Europa . Na actualidade o que predomina é un movemento de retorno acentuado pola crise que están a padecer moitos destes destinos.
2. A emigración a Europa:
A época de auxe ten lugar entre os anos 50 e 75. Ata ese momento a emigración a Europa estaba restrinxida a Francia e protagonizada por campesiños temporeiros , obreiros da construcción e servicio doméstico. As rexións de procedencia deste contixente eran: Levante , Navarra, Aragón
A reconstrucción europea pola 2ª guerra mundial motivou a necesidade de man de obra sen cualificar. A poboación emigrada procedía fundamentalmente de Andalucía e Galicia. Cubriron os postos que rexeitaba a poboación local. O plan de Estabilización Nacional , a mecanización das tarefas agrarias e a superpoboación no campo motivou esta sangría de poboación. Os destinos principias eran Francia, Alemania, Suiza. A crise enerxética do 73 paraliza esta marcha. Entre 1961 e 1976, uns 700.000 españois emigraron con destino a países de Europa occidental
Na actualiadade ten moito que ver con unha migración de temporada ou temporal a Francia e Suíza fundamentalmente .
En resumo, entre 1951 e 1975 máis de 1,6 millóns de persoas deixaron o país, unha cifra elevada se ben inferior aos intensos fluxos rexistrados a principios do século XX: entre 1911 e 1935 foron máis de 2,8 millóns de persoas as que partiron de España para establecerse no estranxeiro.
Consecuencias da emigración nas chamadas migracións exteriores:
- Aliviar o forte crecemento natural e o paro. Envío de divisas
- Desarraigo, penosas condicións de vida
O fenómeno da inmigración en España.
Resulta indiscutible a contribución que a inmigración realizou nos últimos anos para contrarrestar, en parte, a evolución negativa da demografía española.
Dos case 47 millóns de persoas que residen en España, preto de sete son de orixe inmigrante: 4,7 teñen nacionalidade estranxeira e 2,2 naceron fóra do país, pero teñen nacionalidade española. Isto supón un 14% da poboación, que desde comezos deste século convive e reforza o noso mercado laboral, paga os seus impostos e dá un respiro ao noso sistema de pensións, entre outras cousas.
As dificultades de acceso á regularidade documental, a facilidade coa que os traballadores migrantes poden caer na irregularidade sobrevenida ou as esixencias para poder reagrupar aos seus familiares, son só algúns exemplos de ese divorcio entre a regulación legal do fenómeno migratorio en España e a súa realidade.
A finais da década dos 80 do século XX comenzou a producirse un fluxo de entrada significativo de inmigrantes a España. Porén, non foi ata 1997 cando se produciu un incremento verdaderamente notable.
O proceso de regularización de inmigrantes que se realizou en 2005 evidenciou ata que punto a irregularidade documental das persoas que se atopaban en España era unha das principales características da poboación estranxeira. Os estranxeiros que puideron acreditar a súa residencia en España, anterior ao 7 de agosto de 2004 e un contrato de traballo, obtiveron unha autorización de traballo e residencia (case 600.000 persoas)
O 47,6 % do total de estranxeiros inmigrantes é muller. Hai unha feminización do inmigrante para facer tarefas domésticas e de coidado dos maiores ante a incorporación da muller ao mundo laboral e o avellentamento da poboación española.
A idade media dos estranxeiros residentes legais en España é de 38 anos.Con respecto aos menores de idade, resulta salientable que o 19 % dos estranxeiros en réxime xeral é menor de 16 anos.
Os inmigrantes, nacionais de terceiros estados (é dicir, non membros da Unión Europea, uns 2 millóns de persoas), residen en España na medida en que obteñen unha autorización administrativa para elo. Estas persoas obteñen un permiso de residencia por un ano, tras cumprir certos requisitos renovarase por dous anos e, tras unha nova renovación durante dous anos máis, o estranxeiro adquire o dereito á residencia de longa duración no noso país.
Logo están os inmigrantes máis numerosos (un 60% dos estranxeiros) que son os cidadáns da Unión Europea, os seus familiares e os familiares estranxeiros dos españois.Estes gozan de liberdade de circulación e residencia.
O maior colectivo de residentes estranxeiros en España é o rumano, que supera o millón de persoas.
Os inmigrantes teñen pouca mobilidade, pois en termos xerais, unha vez asentados prefiren non desprazarse. As rexións onde reside o maior número de estranxeiros son as comunidades autónomas de Cataluña, Madrid, Andalucía e Valencia. Se atendemos ao peso da poboación estranxeira no conxunto da CCAA destacan os casos dos arquipiélagos (Baleares o 20%, Canarias o 14%) onde hai unha importante concentración de poboación da UE, especialmente de británicos e alemáns. Neste caso as razóns do seu asentamento ten relación coa calidade de vida e climatoloxía que atrae a xubilados destes países.
España e a cuestión migratoria
Durante o último terzo do século XX, España deixou de desempeñar o papel de país produtor de emigrantes e foi disminuíndo o seu papel de país de tránsito de migrantes que ían camiño ao norte. En vez diso, converteuse en país receptor non só de traballadores estranxeiros, procedentes principalmente do Norte de África e América Latina, senón de inmigrantes acomodados doutros países da Unión Europea, tales como xubilados.
Durante 2018 foron 64.298 as persoas interceptadas cando tentaban acceder a territorio nacional de maneira irregular. Delas, 57.498 por vía marítima, un incremento sen precedentes. As solicitudes de protección internacional tamén subiron exponencialmente. Os venezolanos encabezan a lista de solicitantes, despois deles os colombianos, os sirios ocupan a terceira posición.
Pasamos de recibir homes xóvenes, a recibir ademáis adolescentes marroquíes, mulleres preñadas e menores de curta idade.
As autoridades españolas adoptaron diferentes posicións ante este fenómeno. A poboación española vén amosando unha actitude aberta, se ben nas zonas de recepción de migrantes comeza a haber un preocupante ascenso de opcións que predican a xenofobia. Por estas razóns, na UE debería levantarse unha proposta de acción a favor dunha política migratoria común, impulsando unha política de cooperación a partir dunha grande estratexia que fomente o desenvolvemento de África para evitar a chegada masiva de inmigrantes deste continente.
Os efectos positivos da inmigración son evidentes. Por un lado, o crecemento da poboación total (entre 2002 e 2018) non se debe ao incremento dos nacidos en España, senón á aportación que efectúan os nacidos no estranxeiro. Por outro lado, o impacto das chegadas de estranxeiros deixase sentir na marcha do mercado laboral cun balance positivo: medra o emprego, á vez que se reduciu o paro.
A evolución da población extranjera en número axústase con certo ao perfil do ciclo económico.
Unha integración efectiva desta poboación pasa por comprometer gasto público en educación, vivenda,
sanidade e servizos sociais. A inmigración irregular é un fenómeno global. Os estados teñen o deber e o dereito de establecer os medios de control, pero sendo sempre respectuosos co dereito fundamental máis básico, que é o respecto á vida e á dignidade humana.
Propiciada pola crise de 2008, e, sobre todo, a partir
de 2011, os españois incrementaron a súa saída ao estranxeiro por motivos laborais. Entre o 2008 e 2017, trasladáronse a vivir ao estranxeiro un total de 647.458 españois, dos que 283.444 instaláronse nalgún país europeo, sobre todo Reino Unido e Alemania. Isto fomaría parte dun proceso de «maior internacionalización» dos españois porque vivimos nun contexto globalizado.
A crise económica do 2008 supuso un parón nas chegadas e un incremento das saídas, pero dende o 2017 obsérvase un novo pulo nas correntes migratorias. O observado nos últimos anos é o seguinte: Hai unha maior
diversidade de países de nacemento dos inmigrantes, sendo os latinoamericanos os máis numerosos, unha maior feminización y una distribución algo menos concentrada en edades jóvenes.
6.4 A estrutura demográfica: idade, sexo e actividade económica.
A estrutura por idades
Para analizar a estrutura da poboación por idades debemos recorrer á pirámide de poboación. Esta gráfica divide a poboación en cohortes ( de cinco en cinco anos) de xeito que a poboación moza é a comprendida entre os 0-14 anos, a poboación adulta, entre os 15- 64 anos, e a vella, por riba dos 65 anos.
O índice de mocidade pon en relación o número de mozos (0-14 anos) por cada 100 persoas.
O índice de avellentamento pon en relación o número de persoas vellas ( maiores de 65 anos) por cada 100 persoas.
En España, o número de mozos representa un 14% da poboación total, mentres que as persoas por riba dos 65 anos son o 16%. Con estes números, a estrutura da poboación española é avellentada por canto supera o 12% que vén sendo o límite para cualificar a unha poboación avellentada.
As razóns que explican esa estrutura é a redución da natalidade dende hai 40 anos e un índice de fecundidade moi baixo que non permite o reemprazo xeracional. A este factor hai que engadir o aumento considerable da esperanza de vida que provoca o aumento das persoas vellas. Ese aumento será sensiblemente maior coa chegada ás idades avanzadas das xeracións do baby boom (finais dos 50 ata inicios dos 70).
Esta estrutura avellentada, sendo xeralizada en todo o país, é máis notoria naquelas comunidades que padeceron no pasado emigración e que perderon as persoas mozas en idade de procrear. É o caso de Galicia ou o de Castela León. Pola contra en aquelas comunidades onde o comportamento é máis natalista ( Andalucía, Murcia) ou hai un maior dinamismo económico e reciben unha numerosas poboación inmigrante ( Madrid, Cataluña, Levante) o índice de avellentamento é menor.
Por mor do éxodo rural, as áreas rurais tamén experimentan un elevado grao de avellentamento con pirámides invertidas. Con todo a maioría das persoas maiores de 65 anos, na actualidade, reside en ámbitos urbanos.
As consecuencias desta situación é un maior gasto sanitario e de situacións de dependencia o que acentúa a carencia dunha infraestrutura de atención ás persoas maiores.
O avellentamento pon en serio risco o sistema das pensións e da Seguridade Social. A nivel económico unha estrutura avellentada reduce a poboación activa e a innovación.
A nivel demográfico agrava o problema do descenso da natalidade e aumenta a taxa de mortalidade xeral.
Unha sociedade cunha estrutura deste tipo esixe un elevado grao de formación e produtividade na poboación activa porque a ratio das persoas activas respecto das dependentes será menor. Neste sentido a inmigración preséntase como un paliativo da necesidade de man de obra nos sectores de actividade máis intensivos. O retraso na idade de xubilación, a reforma do sistema de financiación das pensións, o fin das prexubilacións, a racionalización do gasto sanitario e o fomento dun avellentamento activo son medidas de posible aplicación para facer sostible o Estado do benestar.
A estrutura por sexo
A nivel estatístico podemos usar os índices de masculinidade ou de feminidade. Consiste en poñer en relación o número de homes por cada 100 mulleres (índice de masculinidade) ou o de mulleres por cada 100 homes (índice de feminidade). En España o índice de masculinidade é de 95 homes por cada 100 mulleres.
Nacen lixeiramente máis homes que mulleres (105 homes por cada 100 mulleres) por iso nos brazos da pirámide de poboación nas idades mozas e de adultos xóvenes o número de homes será lixeiramente superior ao das mulleres. No treito de 45-49, igualan os seus rexistros e a partir de aí o número de mulleres será superior de xeito paulatino. Nestes treitos das idades intermedias, os adultos masculinos non se reducen polo efecto da chegada dos inmigrantes que nun número importante son homes. Cando as cohortes chegan ás idades superiores aos 75 anos o número de mulleres será notoriamente superior pola esperanza de vida maior que experimenta a muller. Esa superior esperanza de vida débese a razóns de tipo biolóxico e a un estilo de vida menos exposto, se ben a igualación co home en estilo de vida provocará que esas diferenzas se reduzan. A excepción está nalgunhas zonas rurais onde a emigración feminina no pasado deixou un número superior de homes.
Así podemos dicir que o avellentamento de idades avanzadas ten un rostro feminino.
Estrutura da poboación segundo a actividade económica
Análise da taxa de actividade e de paro
A taxa de actividades depende dunha serie de factores: a porcentaxe de poboación inactiva, o movemento migratorio positivo ou negativo, o nivel de desenvolvemento, a incorporación da muller ao mundo laboral, a idade de xubilación e a duración da escolaridade.
A taxa de actividade aumentou dende 1985 a 2008 respecto do acontecido anteriormente a ese período grazas a unha serie de factores: a inmigración na etapa expansiva da economía española (1995-2008) e, sobre todo, a incorporación da muller ao mundo laboral. Ata entón a emigración ao exterior e o aumento da taxa de dependencia, pola extensión do ensino obrigatorio dos 14 aos 16 anos e a xeneralización das xubilacións pagadas nun proceso de avellentamento progresivo que aumentou o número das persoas maiores de 64 anos fixo que a taxa de actividade mesmo descendera.
A crise económica comezada en 2008 estabilizou a taxa de actividade no 60%.
A taxa de actividade presenta diferencias en funcións do sexo: a taxa de actividade masculina é sempre maior, en todos os tramos de idade, pero tamén é máis sensible as crises con procesos de xubilacións anticipadas. Nas mulleres, esta taxa aumenta constantemente dende os anos 80 co cambio de mentalidade impulsado pola modernidade asociada á democracia e a necesidade dun segundo salario na familia para afrontar os gastos cotiás.
As taxas de actividade masculina e feminina apenas presentan diferenzas dende os 16 anos ata os 34, despois desa idade as cifras dos homes manteñense altas, mentres que nas mulleres a distancia vai facéndose maior porque a muller opta por abandonar o mercado laboral pola carencia dunha política de conciliación da vida familiar e a vida laboral.
A taxa de actividade varía tamén en función do territorio: Maior nas áreas onde hai emprego e dinamismo (Madrid, litoral mediterráneo) ou unha economía máis diversificada (Navarra, Rioxa). Máis baixa naquelas zonas onde hai unha prolongada incidencia da crise industrial ( Norte peninsular) ou nas que hai un porcentaxe moi alto de poboación avellentada ( metade norte peninsular).
Na evolución das taxas de paro hai que distinguir varios períodos:
Ata 1973: Non había problemas de paro. A emigración e o desarrollismo absorberon os excedentes. A muller non estaba incorporada ao mundo laboral.
Entre 1973 e 1985. Unha profunda crise económica que incrementa as taxas de paro agravada coa chegada ó mundo laboral das xeracións máis numerosas (baby boom) e o regreso de moitos emigrantes.
Entre 1985 e 1990 : Recuperación truncada a comezos do 93. Dende o 93 ao 95 crise de axuste para entrar no euro.
Dende 1995 ata o 2008: O paro sitúase no 11% da poboación activa. A flexibilización laboral, a aparición de contratos de formación e en prácticas para a absorber o paro na mocidade xunto cunha boa coxuntura internacional favoreceu o descenso no número de parados
Dende o 2008 a recesión mundial que afectou dun xeito moi agudo a unha economía española excesivamente dependente do sector da construción e un sector servizos mediatizado polo emprego no turismo xerou un incremento moi notable do paro e da temporalidade na contratación.
O paro afecta máis á mocidade e aos maiores de 50 anos, ás mulleres e aos que teñen menor nivel de instrucción. As súas cifras aumentan no inverno e diminúen co comezo da tempada turística. As áreas de maior paro son as do sur onde hai maior número de persoas xóvenes e hai un menor dinamismo económico. As comunidades que menos paro rexistran son aquelas que posúen unha economía máis diversificada (Rioxa, Navarra) ou que localizan empresas innovadoras (Madrid, Cataluña, País Vasco) ou que teñen un atractivo turístico (Levante, Baleares). Porén, nestas ultimas, o freo á construción coa crise do 2008 e o tipo de emprego precario que as caracteriza fixo aumentar o paro. As comunidades cunha estrutura avellentada tamén teñen taxas máis baixas de paro.
Análise da distribución da poboación por sectores económicos
O sector 1º: No ano 2.017 ocupaba ao 4'4% da poboación activa. A modernización agrícola provocou o abandono das explotacións menos rendibles e como consecuencia un éxodo rural. Este foi moi forte entre o ano 1950 e 1975. Hai que pensar que case a metade da poboación activa estaba empregada no sector 1º en 1950.
A poboación activa neste sector foi trasvasándose aos outros sectores dun xeito progresivo, pero en especial coa entrada do Plan de Estabilización Nacional de 1959 cando se pon en marcha un programa de liberalización da economía española coa aceleración da industrialización derivada da chegada do investimento estranxeiro, o aumento da construción e o desenvolvemento do sector turístico . A poboación rural marcha ás cidades buscando un emprego na industria e no sector servizos que foi medrando á par na medida que aumentaba o nivel de vida.
O sector 2º: No ano 2017, a industria ocupaba a un 14'1% da poboación activa e a construción a un 6%.
Este sector que tivera un retroceso importante na posguerra pola escasez derivada da aplicación dunha política autárquica, evolucionou, dende os anos 60, cara arriba pola aplicación dos Plans de Desenvolvemento e a chegada do capital estranxeiro. Ese ascenso contínuo remata no ano 1975 na que a crise mundial do petróleo e os procesos de reconversión industrial dos anos 80 provocaron un descenso notable do emprego industrial.
O sector da construción tamén viviu anos dourados a finais dos cincuenta e, sobre todo, na década dos sesenta co crecemento da poboación nas capitais de provincia e nas principais cidades do país e na creación dos equipamentos turísticos do litoral mediterráneo.
Na actualidade ten maior importancia o emprego inducido pola industria , na chamada terciarización da industria (xestión , marketing, investigación) que no emprego creado directamente por ela debido a robotización. Unha gran parte da poboación activa deste sector foi trasvasado ao sector terciario.
O sector 3º : No 2017 ocupa ao 75% da poboación activa. Esta cifra foi incrementándose, paulatinamente, ao longo do s. XX debido á terciarización da sociedade co conseguinte incremento da demanda de servicios públicos e sociais provocado polo aumento do nivel de vida. A crise da industria nos anos 70 e 80 implicou un trasvase de poboación activa en favor do sector terciario. Dende entón asistimos ao nacemento dunha sociedade posindustrial que basea a súa riqueza no producido polo sector servizos. A implantación do Estado de Benestar co conseguinte desenvolvemento dos servizos educativos, sanitarios, o crecemento dos intercambios comerciais coa globalización, o crecemento da hostalería e os servizos financieiros provocan un desenvolvemento deste sector.
A nivel territorial as comunidades presentan perfis diferentes na distribución da actividade económica. As comunidades do sur e centro peninsular teñen un emprego agrario máis alto.
As comunidades do norte peninsular (País Vasco, Navarra, Rioxa) e Cataluña presentan cifras máis altas de emprego industrial pola tradición desta actividade nestes territorios ou porque hai unha maior diversificación de subsectores industriais e presenza de empresas intensivas en man de obra.
As comunidades que presentan as cifras máis altas de emprego no sector 3º son as que concentran a actividade turística (litoral mediterráneo, Baleares) e servizos máis especializados, caso de Madrid.
6.5. A distribución espacial da poboación
Características da distribución
A poboación relativa ou densidade de poboación pon en relación a cantidade de habitantes dun lugar respecto á superficie que ocupa. En España esa densidade é do 92 hb/km2. Unha densidade de tipo medio, pero máis medio alto, preto do seguinte rango que sería o de 100 hb/km2, xa alto.
Unha das características que chama a atención vendo o mapa é o forte desequilibrio de ocupación que hai entre unhas zonas e outras. A poboación española ocupa preferentemente a periferia da península, os lugares de costa, e, loxicamente, tamén rexistramos altas densidades nos arquipiélagos, así como as cidades autónomas de Ceuta e Melilla. Mentres, o interior está feblemente ocupado con densidades baixas de poboación, exceptuando Madrid e en menor medida Valladolid e o corredor do Ebro.
Hai 41 millóns de persoas vivindo no 30% do territorio e 6 millóns no 70% do territorio. O resultado un país descompensado e sen unha normativa de cohesión territorial.
A existencia dunha economía máis diversificada no arco mediterráneo, onde ademáis da importancia da actividade turística, hai centros urbanos importantes, unha agricultura orientada ao mercado e unha industria competitiva, e unha cornisa cantábrica tradicionalmente poboada polo desenvolvemento das actividades pesqueiras e comerciais explican ese desequilibrio a favor da periferia.
O interior, tradicionalmente agrario, experimentou un trasvase de poboación cara as capitais de provincia, pero sobre todo, cara Madrid, polo seu indubidable peso político e económico e en menor medida cara Valladolid.
Explicación
Se analizamos a evolución histórica do poboamento debemos salientar que ese peso demográfico da periferia non era tal na idade moderna (s. XVI, XVII). Castela pola súa importancia política e económica a nivel internacional era a zona máis poboada da península. A coroa de Aragón con moito menos peso demográfico, estaba pasando unha crise económica moi potente dende o século XIV. As cidades de Segovia, Burgos, Toledo, Salamanca ou os núcleos costeiros de Cantabria e, en Andalucía, Sevilla eran as zonas que reunían máis poboación.
No século XVIII mudaron as pautas de ocupación do territorio de xeito que Castela, que no século XVII comeza a experimentar unha progresiva decadencia polo custe de manter a política imperial dos monarcas españoles, non progresa e en cambio a periferia mediterránea, con Cataluña á cabeza, comeza un avance económico importante ligado ao capitalismo comercial. A apertura de portos para o comercio con América supuxo un pulo importante para a periferia marítima peninsular. Dentro de Castela, Galicia, Murcia ou Andalucía son as zonas máis poboadas polo seu alto crecemento natural.
A mediados do s. XIX a industrialización afectou principalmente a Cataluña, País Vasco, Asturias e encraves illados da costa mediterránea e de Andalucía. Madrid colle pulo por ser a capital política do país e por ser un centro financeiro. O proceso industrializador acentúa o mapa de densidades aparecido no s. XVIII.
O crecemento demográfico do último cuarto do s. XIX e primeiros decenios dos. XX, derivou en procesos migratorios cara o exterior (América latina) e cara os centros urbanos e rexións máis dinámicas da península. Antes da Guerra Civil hai unha primeira etapa de éxodo rural das rexións agrarias do interior cara Madrid, Cataluña e País Vasco.
Ese triángulo de prosperidade económica que se crea coa industrialización agudiza os contrastes demográficos. A política de Polos de Desenvolvemento industrial do franquismo na época do "desarrolllismo" tenta potenciar núcleos industriais en rexións tradicionalmente agrarias para paliar os problemas de aluvión nas grandes áreas metripolitanas españolas. O seu éxito foi relativo e beneficiou ás sedes dos polos orixinando un trasvase de poboación a nivel rexional.
A chegada do turismo, nos anos 60, vai implicar un pulo na construción de infraestruturas hoteleiras e apartamentos en toda a costa mediterránea e nos arquipiélagos, dando lugar a unha concentración de poboación importante que chega ata a actualidade.
Hoxe ademais da consolidación das áreas demográficas máis densas de Madrid, País Vasco, Cataluña e Levante aparece, entre o núcleo do País Vasco e a costa mediterránea, o corredor do Ebro e no sur a área andaluza de Málaga, Sevilla e Cádiz. Outras áreas densamente poboadas están en Galicia, as dúas provincias costeiras e no norte peninsular Asturias e Cantabria, se ben no caso de Asturias o final do ciclo da minería do carbón está sumindo ao Principado nunha depresión moi longa.