Bloque 1: España, Europa e a globalización
Esquema
1.1.España: localización e situación xeográfica no mundo
1.2. España no mundo. España ante a globalización: ameazas e oportunidades.
1.3. España en Europa.
1.4. Organización administrativa de España. O estudo dos desequilibrios territoriais nacionais e autonómicos.
Prácticos:
- Mapas que contrasten España e Europa a nivel administrativo, económico, ...
- Infografías sobre o papel de España na UE, seguindo o modelo de infografías do INE.
- Mapa comparativo de densidades de poboación España / UE, de cara a contrastar as densidades ibéricas coas da “banana azul”.
- Proxección Spilhaus. A posición de España no océano mundial.
- Mapas de desequilibrios territoriais (renda p.c., cobertura de internet,...), a partir da actualización de datos do Atlas Geográfico Nacional e/ou outras fontes cartográficas. https://www.ign.es/recursos-educativos/desequilibrios-territoriales/index.html#
Vocabulario
1.Ortofoto
2.Sistema de información xeográfica (SIX)
3.Fondos estruturais
4.Movementos antiglobalización
5.ODS (Obxectivos de desenvolvemento sostible)
6.Parroquia
7.Municipio
8.Provincia
9.Comunidade autónoma
10.Espazo Schengen
11.BRIC’S
12.G20
Mapa físico de Europa onde se pode aprezar unha distribución das maiores alturas no sur do continente sendo a unidade do relevo máis extensa a chaira europea que arranca dende Francia e se estende ata Rusia.
A península ibérica ocupa o lugar suroccidental de Europa
Coordenadas xeográficas en España. Vendo eses datos, o territorio peninsular e as Baleares así como as cidades autónomas de Ceuta e Melilla, no norte de África, ubícanse, en latitude, na parte meridional da zona temperada do hemisferio norte. Esta posición ten unha enorme trascendencia para explicar a variedade de ecosistemas toda vez que somos un territorio de transición entre o clima tropical desértico e os climas propiamente temperados. A aridez é unha realidade no surleste peninsular que se vai estendendo de forma progresiva pola parte meridional do país. Canarias ten as características dun clima subtropical mediatizado pola súa posición sobre o Trópico de Cáncer e o seu emprazamento no Atlántico por onde pasa unha corrente fría que suaviza as súas temperaturas. Na mesma latitude está o deserto do Sahara que se deixa sentir especialmente nas illas orientais do arquipiélago.
En lonxitude o territorio español repártese entre o hemisferio oriental, no cadrante noroccidental da península, e o hemisferio occidental.
Políticamente España está integrada na Unión Europea onde é un dos países máis extensos e o cuarto máis poboado. España actúa como interlocutor da UE no contexto da política latinoamericana e trata de manter boas relacións cos países do Magreb toda vez que son claves para regular os fluxos migratorios.
Deste xeito podemos distinguir unha política exterior que se vertebra en torno a catro zonas:
- A Unión Europea: o ámbito xeográfico máis intenso das relacións exteriores españolas. A súa integración é económica nunha área de libre comercio, pero ademáis hai unha converxencia política visible na harmonización da lexislación española ás directivas europeas.
- O Mediterráneo e o norte de África. A súa proximidade xeográfica, a súa vinculación histórica e a necesidade de asegurar a estabilidade e a prosperidade da zona levan ao noso país a respaldar os pasos que se dean no proceso democratizador dos países do Magreb. A política exterior traballa para garantir os dereitos humanos, a cooperación na loita contra o tráfico de droga, armas e persoas migrantes, e promover unha colaboración no desenvolvemento económico da zona.
- Iberoamérica: os obxectivos con este ámbito son explotar en beneficio mutuo as oportunidades económicas que ofrece este territorio, co fomento das relacións institucionais a un maior nivel, así como a ampliación do comercio e dos investimentos.
- USA: O feito de pertencer á OTAN dende 1981, a posición estratéxica de España que espertou, no contexto da Guerra Fría, o interese dos norteamericanos pola instalación de bases militares en territorio peninsular e o feito de ser un país occidental e capitalista crea a España unha relación de amizade e de aliado político con USA.
Neste século incrementouse a relación cos países denominados BRICS (Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica).
Estes países convertéronse en destinos prioritarios para España polo seu potencial de crecemento e polos seus proxectos infraestruturais. Para isto, intensificáronse as súas relacións diplomáticas e económicas, se ben, no caso de Rusia, a raíz do conflito con Ucrania, estas quedaron curtadas como unha forma de plasmar a disconformidade coa política rusa.
Outros ámbitos das relacións internacionais e de investimentos de España teñen como escenario o Próximo Oriente, países asiáticos e do Pacífico así como a África Subsahariana toda vez que a inestabilidade desta área xera unha enorme corrente migratoria cara Europa que acaba en traxedia nas costas españolas.
Localización
España está nunha posición estratéxica entre dous continentes moi diferentes, Europa e África, e entre dous mares, o Atlántico e o Mediterráneo, tamén de contrastes notables. A maior parte do seu territorio forma parte da península ibérica aos que hai que unir os arquipiélagos de Baleares e Canarias. A península ibérica sitúase no extremo suroccidental do continente europeo entre a zona temperada do planeta e a subtropical o que deriva nunha notable variedade bioclimática. Esa variedade increméntase co arquipiélago das Canarias ubicado nunha latitude tropical nas costas noroccidentais de África. Esa posición de engarce entre Europa e África tamén provocou unha mestizaxe de culturas desde os primeiros momentos da súa historia.
Pola súa extensión, 504.645 km², España atópase no posto 51 entre os países máis extensos do mundo. Non se encontra entre os máis poboados do planeta e a distribución da súa poboación agocha unhas diferenzas moi notables entre a periferia e o interior. A distancia respecto da Europa máis poboada e de maior renda per cápita (Banana Azul) confire a unha gran parte do territorio un papel periférico no contexto europeo.
Características naturais
Desde o punto de vista natural, as condicións ambientais derivadas desa localización permiten que España conte cunha variada representación dos ecosistemas mundiais: o bosque atlántico, o bosque mediterráneo, desertos e, incluso, illas oceánicas subtropicais (Canarias).
España é o segundo país europeo con maior altura media despois de Suíza. O feito de ter unha elevada porcentaxe do seu territorio ocupado cunha meseta proporcionalle unha altura media de 600 metros. A disposición periférica dos seus sistemas montañosos acentúa a continentalidade no interior peninsular. Un país de enormes contrastes entre a suavidade térmica e a enorme pluviosidade do norte fronte aos rigores extremos do interior, pasando por unha costa mediterránea que foi transformada negativamente pola actividade turística e que agora afronta veráns cada vez máis calurosos.
Esta enorme variedade sobre unha superficie de 505.000 quilómetros cadrados confire a España un enorme interese que se traduce nunha gran cantidade de parques naturais.